PROGRAMA PROFESIONAIS 4.0 – INCORPORACIÓN DE NOVOS TITULADOS A ACTIVIDADES DE MELLORA COMPETITIVA DAS EMPRESAS (2019)

Finalidade.

O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de FP ás empresas ou a outras entidades de soporte, para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial.

Tipos de apoio.

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva. Réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciais.

1.Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a)As empresas con 2 ou máis empregados por conta allea equivalentes a tempo completo no momento da solicitude, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

b)Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal a efectos destas axudas as entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clusters empresariais.

2.Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a)As entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise.

b)As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c)As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.Os beneficiarios serán responsables de:

a)Seleccionar e contratar ás persoas que van a realizar os proxectos segundo a normativa laboral en materia de contratación, as condicións establecidas nestas bases reguladoras e o indicado na solicitude de axuda.

b)Integralas na execución dos proxectos de mellora durante o período de vixencia da axuda.

c)Asignar a unha persoa titora para a supervisión e formación directa das persoas contratadas.

d)Asegurar un entorno laboral de acordo coa normativa en materia de prevención de riscos laborais, contratación, e outras aplicables.

e)Colaborar co Igape nas actividades que, no seu caso, organice dirixidas ao persoal contratado mediante este incentivo.

Cada entidade poderá solicitar axuda para un máximo de 5 contratos.

Requisitos principais do proxecto.

Os contratos obxecto de subvención deberán cumprir coas seguintes condicións:

a)Formalizar as contratacións entre os candidatos que formen parte da base de datos de candidatos Profesionais 4.0, accesible no enderezo http://www.igape.es/profesionais4.0. O acceso como candidato a esta base de datos estará aberto en todo momento a partir da publicación no DOG da convocatoria destas bases reguladoras e pecharase o día de publicación da resolución, se ben poderán abrirse prazos adicionais de entrada como candidato á base de datos, que serán obxecto de resolución da Dirección Xeral do IGAPE e publicados no DOG.

A contratación débese comunicar ao Servizo Público de Emprego (SEPE).

b)Os contratos deberán ser formalizados entre a data de presentación da solicitude e seis meses despois da data de notificación da resolución de adxudicación da axuda. A data aproximada de contratación deberá ser comunicada ao Igape aos efectos de organizar temporalmente as correspondentes reservas de crédito.

c)Os proxectos de mellora deberán desenvolverse en centros de traballo de Galicia.

d) O contrato de traballo que se formalice deberá ser a tempo completo, e poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Non se admitirán contratos de alta dirección.

e) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior a 19.000 euros.

f) O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

-Idade entre os 18 e os 35 anos.

-Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior: titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.

-Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. A efectos destas bases consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.

-Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servicio Público de Emprego.

-Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.

-Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

g)O persoal contratado deberá darse de alta no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación, segundo o apartado anterior.

h)O persoal contratado poderá ser sustituido, sempre que o substituto cumpra cos termos da resolución de concesión, e a duración do seu contrato sexa a lo menos polo tempo restante ata 12 meses do contrato anterior, ou indefinida no caso de que o contrato orixinal o sexa.

Investimentos ou gastos computables.

Serán subvencionables as contratacións laborais e gastos de formación realizados por empresas e organismos intermedios de carácter empresarial, que estean dirixidas á execución de proxectos de mellora competitiva.

Consideraranse os seguintes tipos de proxectos de mellora competitiva:

a)Optimización financeira/mellora do circulante.

b)Profesionalización da produción e a cadea loxística.

c)Relanzamento comercial.

d)Xestión por procesos e sistemas de xestión da calidade.

e)Imaxe e comunicación empresarial.

f)Deseño e desenvolvemento da estratexia empresarial.

g) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.

h)Innovación empresarial.

i)Desenvolvemento do capital humano.

j)Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.

k)Asesoramento integral ao proceso emprendedor.

l)Dixitalización da empresa.

m)Creación de contidos dixitais.

n)Incorporación efectiva de tecnoloxía.

Os proxectos poderán consistir tanto na execución de plans de mellora competitiva internos das empresas como na prestación de servizos de mellora a terceiros. Neste último caso, os servizos a empresas nos que se integrarán ás persoas contratadas non consistirán en actividades permanentes ou periódicas de xestoría ou auditoría (asesoría ou xestión fiscal, contable, laboral, servizos xurídicos periódicos, auditoría, publicidade e outros similares).

Contía das axudas.

Como incentivo á contratación subvencionarase por persoa o 75% da retribución bruta do primeiro ano, cun máximo importe de subvención por persoa contratada que se calculará como (14.250 + PF*70), onde “PF” é a puntuación que se obteña polo criterio establecido no artigo 6.1.f destas bases (entre 0 e 25).

Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 07/10/2019.

Incompatibilidades.

O incentivo para a contratación incluído nestas axudas é incompatible con outras axudas ou subvencións públicas en concepto de incentivos á contratación. Non obstante, serán compatibles, no seu caso, cos incentivos en forma de bonificación á seguridade social.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.